domingo, 24 de mayo de 2020

A dor menstrual si é normal.


No comezo da historia dos antidepresivos inhibidores selectivos da recaptación de serotonina, en España (non estou segura de que chegasen aquí de forma simultánea a EEUU, igual un chisco máis tarde) prescribíanse cando a paciente expresaba malestar anímico. Desánimo. Depresión. Angustia. Astenia (non tiña ganas de limpa-la casa e face-los seus labores de ama de casa). Nos últimos anos, aumentou de forma considerable a oferta a pacientes con moi diversas patoloxías, diagnosticadas con probas médicas, de antidepresivos a modo de medicamento milagroso, como pílula que nos devolverá toda a enerxía perdida a causa de doenzas fisiolóxicas. Agora xa non se trata unicamente das tarefas do fogar senón do traballo asalariado. A coñecida como dobre xornada (das mulleres, claro): tarefas de coidados e traballo asalariado. Tiritas para seguir enriquecendo ós oligarcas do sistema. O psistema como colaborador fiel do sistema capitalista.
En EEUU, os psicofármacos foron desde o inicio dirixidos ás amas de casa como axuda para realiza-las tarefas que lles correspondían como mulleres por natureza (limpar a casa, coidar dxs fillxs), teño en mente dúas campañas publicitarias antigas: unha dunha benzo (oxazepam) e outra dun antidepresivo moi coñecido Prozac (fluoxetina). Na da benzo aparece unha ama de casa cunha vasoira e na de Prozac vese un envase que imita unha caixa de deterxente en pó (probablemente de lavadora aínda que podería ser de lavar á man). As mulleres estaban moi mobilizadas daquela e había que pararlle os pés á vez que se faría negocio.      
Diagnosticada de endometriose, durante unha pequena intervención cirúrxica na que me foron extraídos un mioma e algúns pólipos do interior do útero, a doutora ofreceume antidepresivos para combate-la astenia, a falta de enerxía. Decidín non contestarlle mal (como merecía) porque tiña unhas tesoiras cirúrxicas no interior do meu útero e preferín non enfrontarme a ela e que continuase co traballo.
Agora estou en horas baixas pero o curioso por chama-lo dalgunha maneira é que me teñen ofrecido en numerosas ocasións psicofármacos en momentos en que estaba moito mellor, nun estado de forma física bastante bo.  
A Bayer é raíña non só en tentar agochar efectos secundarios dolorosos, incapacitantes, ou asegurar alegremente e con pouco rigor que os seu produtos son marabillosos como o Essure—que Bayer comprou en 2013 ó seu fabricante orixinal, Conceptus [dispositivo metálico helicoidal de níquel que se implanta nas trompas de Falopio para que vaia producindo unha inflamación do tecido que bloquea o paso dos espermatozoides co fin de substituír a tan practicada en tempos ligadura]: está tamén sendo acusada de contratar a mercenarios para asasinar indios en Brasil e okupa-las súas terras (xa sabemos que cando os ricos okupan o que non é deles non está mal visto). Bayer comprou Monsanto. 

Unha eurodeputada portuguesa—Marissa Matias—afirmou en SIC 24h (canle portuguesa) recibir amezas de morte. No seu caso non se trataba de investigar medicamentos inseguros, perigosos, aprobados irregularmente polas axencias de control correspondentes senón da falsificación de medicamentos, practicada (se cadra?) por empresas con boa imaxe pública.

Non dixo cales.

O produto da Bayer que máis nos están metendo polos ollos ás mulleres no SERGAS é a versión moderna do DIU: o MIRENA. Un médico nunca debe en primeiro lugar afirmar con rotundidade que un medicamento non vai ter ningún tipo de efecto secundario. En segundo lugar, tampouco debe afirmar que o uso dese tipo de cousos non estean desaconsellados para mulleres que aínda non foron nais, porque sempre o estiveron (desaconsellados). Parece ser que non se recomendaba a mulleres novas e normalmente se reservaba para mulleres que xa tiveran algún bebé, porque do contrario a súa colocación dentro do útero podería resultar difícil (a mala colocación pode levar a embarazos indesexados) e se cadra dolorosa. No prospecto non aparece ningunha referencia á endometriose e na forma de debuxos afírmase que é un método de control da natalidade que debe ser usado unha vez esta tivo lugar. Que me perdoen a miña desconfianza pero parece ideal como estratexia legal en caso de denuncia, avisar dalgo a ter en conta por medio de debuxos que poidan pasar desapercibidos que ó mesmo tempo poidan servir como proba de que se previu ás pacientes. Un xinecólogo que traballou na seguridade social, e tamén na privada (simultáneamente como moitos ou case todos algunha tempada) o doutor Casimiro Obsipo Martínez,  que logo non se aplicaba o conto das cousas que dicía… (prescribiume uns anticonceptivos modernos que tomei varios meses e me sentaron coma un tiro, NUVARING, que puxeron en perigo o meu último ano universitario) afirmou sobre a pílula do día despois “ata que pasan uns 15 anos ou máis non se sabe se un medicamento (ou nese caso, un método de emerxencia para evitar un potencial embarazo) é ou non é daniño, pois sempre cando os sacan ó mercado as compañías aseguran marabillas”. Teñamos en conta o caso da talidomina.

Quero explicar por que acudín ó doutor Casimiro Obispo en consulta privada. Cando eu tiña 24 anos (en 2005) resultábanos ás mulleres novas moi difícil convence-las doutoras de atención primaria (supoño que as ordes viñan de arriba) de que nos desen cita para unha revisión sen sospeita de patoloxía; ademais na xinecoloxía da pública non tiñan (creo) aínda daquela en cada consulta ecógrafos, etc., non como agora que teñen todo o que necesitan. Non entendo por que aínda hoxe ás veces nos fan ecografías e outras probas na consulta e outras veces temos dúas citas consecutivas en dúas portas distintas por profesionais distintos. Obispo tentou tamén convencerme ós 24 anos de poñer un MIRENA. Non o puxen.

Con toda este parrafeo pretendo facer unha chamada ás mulleres para que sexan críticas, desconfiadas, non poñan nun pedestal a profesión médica; investiguen e lean pola súa conta. Aprendan a distinguir o que é un texto serio do que non. Que polo menos lean os prospectos. Pregunten ós médicos. Que non se deixen convencer tan á lixeira de que o seu malestar está na súa mente, que insistan en ser examinadas concienciudamente.Temos que estar unidas e esixir respecto. Que a nosa saúde non é un negocio e que coa nosa saúde non se xoga.

A dor menstrual non é condición sine qua non de que algo ande mal. E si pode ser completamente normal. Outra cousa é que o mundo estea construído de forma inxusta, de forma en que as mulleres ás que nos tocou sufrir máis cá media esteamos en desvantaxe con respecto a parte das mulleres e con respecto á totalidade dos homes nese aspecto, e polo tanto nunha situación de vulnerabilidade bastante importante. A miña nai está sanísima e sufriu toda a vida de dores mentruais coma as miñas e fluxo menstrual abundantísimo. Por unha sorte de compensación--quen sabe--astral, pasou por un proceso de menopausa non moi traumático que comezou feitos ós 57. No seu caso e no meu un fluxo menstrual considerable e malestar coincidían. Hai moitos tipos de dores e malestares que teñen lugar no proceso. As mestruacións son diversas como diversas somos as mulleres e moitas combinacións son posibles de diferentes tipos de dores, características. Evolucionan de forma notable ou non. Tralo parto ou polo paso do tempo tras ningún parto. Desde os 15 anos ata os 32 as miñas menstruacións eran discapacitantes (faltei a algunha clase no instituto e fixen algún exame empapada e sufrindo, recordo unha proba de matemáticas en segundo de bacharelato que aprobei --grazas a un super profe de clases particulares) pero non sentía nada patolóxico. Nin de lonxe.

A cousa pode que comezase se cadra un chisco antes, o caso é que un novo tipo de malestar (extraño e raposeiro moi peculiar e constante, xunto a un cambio brusco de peso, facendo moito exercicio e comendo saudable, quizais de menos, nada de comida lixo) virou algo moi evidente na primeira metade de 2013. Eu nacín en decembro, polo tanto, na primeira metade dos meus 32 anos. Teño agora 39 e medio. Fun diagnosticada no verán de 2015 nunha operación dun quiste benigno de 4-5 cm. Entre que comecei a sentirme mal e moi mal por unhas manchiñas só detectables visualmente nunha cirurxía ata que se transformaron en tumores moi grandes, 13 cm un deles, 11 o outro, a trompa infestada que me tiveron que quitar... pasou bastante tempo no que non o pasei nada ben. De aí, a idea de invisibilidade. As mulleres falamos, ninguén nos fai nin puto caso, pero falamos. Como as mulleres somos diversas, outras mulleres non sufren moito ou poden non sufrir nada aínda que visualmente a endometriose sexa perceptible. En principio teño sorte de que non me estea atacando, parece o sistema urinario, intestinos. As mulleres imos aprendendo a medida que nos pasan cousas o que nos pode chegar a pasar. Quizais tería tomado outro tipo de decisións se soubese que a endometriose pode dar semellantes aceleróns. Non recibir unha pensión individual de discapacidade por unha doenza que afecta só ás mulleres de discapacidade enténdese só se entendemos que vivimos nunha sociedade patriarcal construída á medida dos homes "normativos". Espero que o Ministerio de Igualdade o resolva en coordinación co de Sanidade e coas consellerías das CC.AA. Entendo que non é fácil para a nova ministra (á que votei con todo o meu corazón) entrar a traballar nun Ministerio totalmente desmantelado polo anterior goberno e tento ser comprensiva pero xa estou moi cansa. Mórdeme a frustración e a impaciencia.

En xeral, o sistema de adxudicación de pensións por discapacidade é cruel e inxusto e confuso. Desalentador. Disuasorio.