CÍRCULO GALEGO intersectorial DE SAÚDE, SAÚDE DA MULLER, OFICIOS DA CULTURA
(danza, aprendizaxe musical –instrumentos , voz –oficios do libro) E DEPORTE.
Creamos este círculo co fin de tratar de poñer remedio a un problema clásico
da participación política. Entendemos que moitas persoas non participan
politicamente e non utilizan as ferramentas existentes por razóns alleas ás
súas capacidades, á súa indignación ou as súas necesidades e dificultades. Valoramos
moito a capacidade de certas persoas para compaxinar traballo, o coidado de
fillos ou pais ou outros familiares e participación pero consideramos que
existe a necesidade de crear un grupo que integre a toda esa xente que está
quedando en silencio.
Moitos coñecémonos e coñecémo-los problemas os uns dos outros. Ó longo dos
anos levamos discutindo os nosos problemas 5 minutos alí e 5 minutos alá, no
descanso dunhas escaleiras, mentres colocamos as medias puntas (ballet) ou
esperamos a que o noso profesor chegue, nunha asociación de veciños ou nun ximnasio.
Por que crear un círculo intersectorial? Pois porque algúns problemas son
comúns. E as solucións tamén poden ser comúns. Desconecta-la saúde dos oficios
da cultura é unha estupidez. A nosa sociedade subestima a relación entre a
saúde e o traballo dos profesionais da danza, deporte, fisioterapia e a
aprendizaxe musical (en especial a voz, utilizar correctamente a voz implica
aprender a respirar correctamente; pero non só, aprender a tocar calquera
instrumento musical desenvolve a capacidade de atención e concentración; a
concentración axuda a leva-la dor). Por outra banda, os profesionais da danza e
os deportistas, por poñer dous exemplos, necesitan unha atención específica, en
especial aqueles de alto nivel, que non se lles ofrece na seguridade social,
necesitan fisioterapia e tratamentos específicos pero tamén protección
económica para poder recuperarse e descansar, moitos arrastrarán toda a vida as
lesións. Tamén pianistas, estudantes, tradutores (problemas de cervicais,
brazos, costas). Actualmente na seguridade social dáselle poucas opcións ás
mulleres con problemas xinecolóxicos para controlar dores e malestares
diversos; algunhas tan ineficaces como perigosas: resulta especialmente
alarmante que se lle propoña ás mulleres o consumo de antidepresivos e que tal
consumo se lles presente como unha panacea que solucionará tódolos seus problemas
(Proxecto Home advertiu do crecente problema de adición a este tipo de
medicamentos neste país). As mulleres con doenzas xinecolóxicas (e con doenzas
en xeral) non son doentes mentais e non deben ser medicadas como tal, porque
non o son. Mulleres con menopausas moi difíciles son ingresadas en plantas
psiquiátricas en hospitais galegos. Algo cheira a chamusco cando o consumo de
certos medicamentos é tan alto. Outro tema de discusión: mecanismos de control
dos médicos, sospeita de que poden estar sendo condicionados pola industria
farmacéutica (agasallos) á hora de diagnosticar e prescribir, falta de
formación dos médicos.
Non cremos no egoísmo. Cremos que a mellora da vida dunha persoa ou dun
sector significa inevitablemente unha mellora, un impacto positivo na vida de
todos. Non cremos no sufrimento como motor que leve ás persoas a esforzarse e mellorar
senón que máis ben cremos que constitúe un potente obstaculizador. A felicidade
das persoas está irremediablemente asociada á súas condicións de traballo,
económicas e de saúde. E a saúde está irremediablemente asociada á situación
económica. Quen pasa frío, empeora. Que non ten aceso á fisioterapia, empeora.
Quen traballa nun local húmido e frío, enferma. Quen enferma, non pode
traballar ou sufre traballando ou perde o traballo. Non queremos traballar en
situacións que empeoren a nosa saúde. Non queremos deixar de traballar e pedir
axudas sociais (que se cadra nin temos aceso a elas) se a solución está en
facer cambios nas condicións de traballo. Queremos utiliza-los recursos
públicos. E adapta-lo público a nós, ás necesidades reais das persoas. Das
persoas que traballan, dos que realizan actividades con fin de mellora-las súa
saúde ou co fin de formarse, crecer como individuos, contrarresta-los efectos
do traballo e da loita vital diaria. A xente formada, a xente intelixente, a
xente con coñecementos, é xente que debemos valorar e coidar. Non explotar e
abandonar.
Inicialmente, o problema da participación será o piar da discusión. Unha
persoa, eu, servirá como elo inicial para agrupar todas esas persoas de
diferentes sectores, conectados en diversa medida entre si. Xunta-la xente será
o meu primeiro problema e inicia-la discusión sobre a participación co fin de
desenvolver estratexias de comunicación entre os membros que non supoñan un
gasto de enerxía e tempo do que non dispoñen. É importante que nos aseguremos
sempre que todo o mundo ten toda a información, sucinta e máis extensa, por
escrito e por teléfono ou skype. As propostas e proxectos publicaranse por
escrito e en vídeos, de forma máis sucinta e de forma máis extensa.
Este círculo ten como fin a creación dunha ferramenta de comunicación e de sementeiro
de iniciativas e proxectos. Probablemente sexa un instrumento de lento
desenvolvemento precisamente por estar dirixido e pensado para aquelas persoas
que non dispoñen de moito tempo ou enerxía. Estamos aquí para dar voz a aqueles
ós que lles custa participar polas razóns que sexan. É necesario desenvolver
ferramentas de participación que non impliquen necesariamente reunións físicas,
asegurarse de que nin os métodos de participación nin os carácteres dos
diferentes membros permitan que uns afoguen a voz dos outros.
É importante transformar un gasto en cultura e deporte puntual
(exhibicións) co que se pretende finxir que se fai algo, nun traballo de base,
que transforme a xente, que xere demanda e interese verdadeiro, que ensine a
xente a consumir cultura e deporte activamente (nenos, adolescentes e adultos)
e que un certo nivel (alto) de excelencia non é algo inalcanzable, reservado a
uns poucos e moito menos a uns poucos de certas clases sociais. É importante
traballar por desvincular certas disciplinas (ballet, aprendizaxe musical) de
certas clases sociais (modo tamén de contribuír a acabar coas diferenzas de
clase). Debemos reflexionar sobre a relación entre deporte, cultura, música,
danza e rendemento escolar, produtividade laboral, mellora nas relación entre
as persoas, erradicación de comportamentos violentos, mellora nas relacións
entre as persoas, aumento da cordialidade, empatía, solidariedade, axuda mutua,
saúde mental.
O problema da saúde mental en Galicia divídese en dous problemas básicos:
1)
A PSIQUIATRIZACIÓN
DA SAÚDE: é dicir enfermos ós que se diagnostica, trata e medica coma enfermos
mentais pero que non os son. Resulta sospeitosa a malsán teima e rapidez con
que moitos médicos de atención primaria diagnostican ‘depresión’ e prescriben antidepresivos e benzodiacepinas.
Tratamento da VERTIXE e Mareos. No caso de
problemas de vertixe, moitas veces de tipo muscular ou problemas propios do
eido da traumatoloxía calquera médico de urxencias prescribe cunha facilidade
alarmante DOGMATIL (un antipsicótico), un medicamento perigoso con efectos
secundarios que non se poden tomar a broma. Moitas veces un simple
antiinflamatorio (inxectado, como o diclofenaco funciona). Acúsase ó paciente
de non querer tratarse se se nega a consumir DOGMATIL, como primeira opción,
coa facilidade coa que outrora se prescribían as aspirinas.
Á fisioterapia concédeselle un espazo moi pequeno
no noso sistema sanitario; os medicamentos só serven para palia-la dor
temporalmente; aconséllaselle ós pacientes que acudan a fisioterapia privada;
moitas veces sen ningunha proba médica previa. Que pasa se o paciente non ten
cartos? Ninguén vai contratar a unha persoa lesionada ou enferma e as axudas
sociais tardan moito e moitas veces nin chegan.
DOENZAS FISIOLÓXICAS. MALESTAR. É normal que
calquera persoa que padeza calquera doenza, nunhas máis ca noutras, se sinta
decaído e entristecido, pode ser polas dores, pola falta de enerxía, polo
malestar xeral que sente calquera enfermo. Problemas coma o insomnio poden
estar causados por dores que interrompen o sono. No caso das mulleres con problemas
xinecolóxicos, incluso non patolóxicos, coma a síndrome premenstrual moi
sintomática ás que nin tan sequera se lles diagnostica depresión, se lles
prescribe, ou se lles intenta prescribir, por exemplo, antidepresivos, para
reduci-los síntomas, tendo en conta as dúbidas que presenta a prescrición de
antidepresivos en caso de depresión diagnosticada entre unha parte da
comunidade médica e entre os pacientes que convivimos con persoas que si os
consumen.
2)
Os
dereitos humanos dos pacientes con doenzas mentais. Diagnóstico correcto. Medicación
correcta. Tratamentos alternativos. Tratamentos complementarios. Non se pode
permitir que se medique pola forza ós pacientes que non queren medicarse senón
se ten a seguridade de que o paciente está enfermo ou ben diagnosticado. A
psiquiatría non pode ser un instrumento ó servizo de vinganzas familiares ou de
parella. A psiquiatría non pode ser un instrumento de represión. Que garantías
ten un enfermo mental de que non se violen os seus dereitos? Agora mesmo unha
denuncia falsa ó 062 pode dar lugar a que unha persoa poida ser encerrada
acusada de tentativa de suicidio ou de agresión, medicada, sen ningún tipo de
proba. Ou mesmo que un garda civil lle meta un tiro.
Axudas sociais.
As prestación sociais deben
ser individuais e intransferibles. Calquera persoa á que se lle obriga a depender doutra persoa economicamente
está sendo colocada nunha situación de vulnerabilidade; trátase de violencia
que non se pode denunciar por existir unha relación de dependencia económica. Violencia
de pais e nais a fillos e fillas maiores de idade; violencia de irmáns a irmás
e de irmás a irmás, de irmás a irmáns, maiores de idade, consentida polos pais
ou nais. Violencia de avoas ou avós a netas ou netos. (Un exemplo
típico de violencia de irmá a irmá: a irmá violenta ten problemas de
drogadicción.)
Non ten sentido que sexan tidos en conta os ingresos das persoas coas que
se comparte vivenda á hora de asignar unha axuda social a unha persoa.
Evidentemente si en caso de fillos, e sendo estes menores. Os fillos maiores de
idade terán dereito a axudas con independencia da situación económica dos seus
pais se asinan un documento polo cal renuncian a que os seus pais reciban
prestacións por eles (en Francia, por exemplo, dáse esa opción, por exemplo, ós
estudantes universitarios). Preguntaráselles a aqueles fillos e fillas que
vivan cos seus pais se desexan abandona-lo fogar familiar e terase en conta esa
información para realiza-lo cálculo das axudas. Comunicaránselle-las contías
que lles corresponderían se abandonan o domicilio familiar. E as que recibirían
se non o fan. Aqueles que decidan abandona-lo domicilio familiar poderán
abandona-lo domicilio familiar no mes en que as axudas se fagan efectivas. Nunca
antes de recibi-las prestacións e coñecendo tódolos seus dereitos, ata cando as
recibirán, por exemplo, ou en que supostos deixarían de recibila.
Importancia de axiliza-la concesión das prestacións:
As persoas que piden por primeira vez unha axuda social tenden a tardar
moito en pedila. Normalmente cando a piden xa teñen esgotados os seus aforros,
prestacións de desemprego; ou están enfermos e as incapacidades temporais
tardan moito en ser tramitadas. E moitas veces son denegadas. Non ten que unha
persoa estar nunha situación de incapacidade moi grande para que xa supoña un
sufrimento e esforzo moi grande realiza-los trámites.
A tardanza en recuperar unha prestación se a perdes por un contrato breve
suponlle un problema ó receptor ou receptora da axuda que ten que escoller
entre traballar un mes ou perder unha axuda que pode tardar 5 meses en
recuperar. Así vemos que a tardanza pode ser disuasoria na busca de emprego con
contrato.
Actualmente algún receptores de axudas están realizando pequenos traballos
precarios (nons e pode considerar fraude tratar de conseguir 100 euros ó mes
extras para comer un pouco mellor, aforrar ou pasar menos frío) para completa-las axudas pois son axudas
insuficientes, miserables. Tamén as teñen que completar pedindo alimentos en
moitos casos de pouca calidade, pouca carne e pouco peixe, a ONGs e asociacións
veciñais, parroquiais.
Probablemente a mellor axuda serían as vivendas de aluguer social: 30 % dos
ingresos da unidade familiar, da persoa que vive soa ou dos ingresos totais dos
que conviven 8que poden ser simplemente compañeiros de piso sen ningún vínculo
familiar). Sexan ingresos por traballar ou prestacións sociais.
No hay comentarios:
Publicar un comentario