jueves, 9 de febrero de 2017

Violencia contra a muller maior de idade en situación de desemprego ou enferma na familia non exercida pola parella.

Non se contempla, as institucións, e o feminismo, estánse esquecendo da violencia que sufren as mulleres no seo da familia. Cando son menores, ten que ser moi evidente, para que alguén, profesores de instituto, nas urxencias, tome nota ou medidas; e cando superan a barreira dos 18 anos, que? A algún igual se sorprende se unha muller moi nova toma a decisión de escoller entre deixa-los estudos e paus e escolle paus. Porque se escolles deixa-los estudos gañan os que dan os paus. A violencia que enche de sangue o rostro dunha muller pode tardar en chegar á vida dunha muller pero o maltrato aparece moi pronto.
Nesta conxuntura económica o problema non é só o desemprego senón tamén a enfermidade. En tempos de condicións de traballo tan duras e con tanta xente saudable esperando detrás de ti na fila, non precisas estar morrendo para ser incapaz de conseguir ou manter un emprego. Algúns problemas médicos dificultan moito a túa empregabilidade por moi intelixente que sexas ou preparada para o posto que esteas sen que moitos consideren en principio que se trata de tanta cousa. Hai que distinguir entre doenza que implica perigo de morte e doenza que debilita, doenza que doe, que imposibilita a contratación porque cho notan, que che impide chegar ó lugar de traballo.  
Os médicos teñen ordes de obstaculiza-los trámites (ou polo menos, parece que poida se-la explicación máis plausible do seu comportamento; mentiras moi evidentes; formularios moi sinxelos mal cubertos).
Tramitar unha incapacidade temporal leva tempo e é un proceso misteriosamente duro ó que se ten que enfrontar unha persoa que está enferma, ás veces soa, ás veces sufrindo violencia no fogar; para recibir logo unha resposta negativa ou simplemente un grao de incapacidade que non conleva prestacións económicas.
As mulleres que sofren violencia e están enfermas non poden denunciar sen axuda económica, sen un lugar ó que acudir, no que vivir. As axudas teñen en conta os ingresos dos violentos.
Os propios funcionarios aconséllanlle ás mulleres que pidan axuda a familiares, a amigos. Resulta ridículo que se reduza a tan pouco a posibilidade de axuda institucional. Sei que existe unha porcentaxe de mulleres que se cadra poden marchar da casa e non o fan. Pero habería que compara-las porcentaxes de mulleres que non o fan porque psicolóxicamente non son capaces e as que realmente non dan xuntado o diñeiro nin encontrado a forma sen diñeiro. Ademais sobreestímase a capacidade de solidariedade das persoas e a capacidade das persoas de axudar aínda que o desexen na conxuntura económica actual. Sobre todo cando o tempo de necesidade de axuda é indefinido, por outra banda.
Unha cousa é levar un golpe un día calquera e outra levar un golpe recén operada polo que unha muller que sufre violencia pode verse na situación de toma-la decisión de rexeitar ou adiar unha operación. Sen cartos, como vés do hospital? en autobús? doloroso de mais. Pero logo comer sería o principal problema. Aínda que o principal problema realmente é a posibilidade de ser golpeada na zona operada. Cun brazo mal aínda podes escapar. Pero tras unha operación xinecolóxica?
Nos centros que atenden a mulleres que sufren violencia das súas parellas non reciben a mulleres que sufren violencia de membros da familia cos que convivan (por pura necesidade económica, evidentemente) e dos que dependan.  Unha nai, unha avoa pode exercer violencia machista, moitas defenden e concordan cos valores franquistas nos que foron criadas. Unha muller enferma, ou non, pode gañar para comprar comida, para comprar xel de baño, compresas, champú, roupa e calzado básico pero non para pagar un aluguer, paga-la electricidade, a calefacción e non pasar frío (o frío pode magnificar certas dores). A unha muller enferma cústalle ir ós sitios onde se poida pedir axuda, se é que esa axuda existe. A case certidume de que non a vai a encontrar lévaa a crer que realmente non existe axuda. Só moito conto ou simplemente non encaixa en ningún tipo de programa de axuda.

No hay comentarios:

Publicar un comentario